Manual do profesorado galego

23 Se un prazo remata en día inhábil, prorrógase o prazo? Si, ata o primeiro día hábil seguinte. Nun prazo dun mes no que o cómputo se inicia o día 31 de xaneiro, cando remata? O día 28 de febreiro, ou 29 se o ano é bisesto, xa que, se no mes de vencemento non houbese día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Estou solicitando unha comisión de servizos en atención a situacións persoais espe- ciais por motivos de saúde e recibo unha notificación electrónica para que presente unha documentación no prazo de 10 días hábiles. Cando se empeza a computar o prazo? Cando remata o prazo? Que acontece se non accedo á notificación? Os prazos expresados en días contaranse a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación no sistema de notificación electrónica da Xunta de Galicia (notifica.gal). A notificación entenderase practicada no momento en que se acceda ao contido desta. O prazo remata unha vez que transcorran 10 días hábiles desde o acceso ao contido da notificación electrónica de conformidade co calendario e horas oficiais da sede electrónica da Xunta de Galicia. Exemplo: o acceso ao contido da notificación ten lugar o xoves, día 20 de outubro de 2022 (día hábil). O prazo comeza o venres día 21 de outubro de 2022 e finaliza o venres día 4 de novembro de 2022, xa que temos que excluír do cómputo os sábados, os domingos e o día 1 de novembro de 2022 por ser día festivo no calendario da sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio (é obrigato- rio para o persoal empregado público para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición), entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido. Neste caso terase por efectuado o trámite e seguirase o procedemento. Exemplo: a posta á disposición da notificación electrónica tivo lugar o luns día 17 de outubro de 2022, de xeito que o xoves, día 27 de outubro de 2022, remata o prazo de 10 días naturais. O día 28 de outubro de 2022 a Administración terá por efectuada a notificación e seguirá o procedemento. Publícase no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se procede á adxudicación definitiva do concurso de adxudicación de destinos provisionais e teño un prazo dun mes para interpoñer o recurso de reposición. Cando empeza e cando remata o prazo? O prazo comeza desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución e remata o mesmo día no que tivo lugar a publicación. Exemplo: se a publicación tivo lugar o martes día 22 de agosto de 2022, o prazo comeza o mércores día 23 de agosto e remata o xoves día 22 de setembro de 2022.

RkJQdWJsaXNoZXIy ODE4NjI=